Descarga de “A Desalambrar” (nº cero)

“A desalambrar” aparece co desexo de ser un estilo diferente de informar. Esta nova publicación trata de acercarse a unha parte da realidade que, por todos coñecida, case sempre resulta de difícil acceso.
A política e os cidadáns teñen, na nosa sociedade, unha relación unidireccional. A saber, os cidadáns conceden o poder, bendita democracia, e os políticos dedícanse a xestionar as cousas de palacio. Ata a seguinte campaña electoral, dos políticos só sabemos polos gabinetes de comunicación e as rodas de prensa pactadas.
Así as cousas, resulta que o domingo 20 de Novembro é un deses momentos nos que o pobo vai elixir ao capitán da nave. Todos somos conscientes da gravísima crise económica que estamos a vivir. O 20N, polo tanto, non vai ser un presidente máis o que elixirán os cidadáns. Seguramente, son as eleccións máis importantes da democracia española.

Desde o respecto absoluto por tódalas opcións democráticas e co convencemento total de que só as decisións do pobo lexitiman a un goberno, “A desalambrar” chama a un exercicio serio e esixente do poder democrático que recae sobre a cidadanía. Votar é un dereito irrenunciable, pero tamén é un compromiso moral co resto dos cidadáns. O compromiso, hoxe, é identificar e sacar do poder aos dirixentes que nos levaron á depresión económica. Non esquezamos que teñen pensado continuar na mesma liña.
Desde os anos 80, en España o poder está controlado polos dous partidos maioritarios. Sendo diferentes, teñen en común, sorprendentemente, a política económica. O modelo económico español, ladrillo+crédito+servizos, implantouse co presidente González, foi perfeccionado polo presidente Aznar e culminado polo presidente Rodríguez Zapatero. Aconteceu o mesmo en Grecia, Portugal, Irlanda, Italia… e os que veñen atrás.

As cousas, cando van mal, tenden a ir peor. É necesario invertir a dinámica para evitar unha degradación maior das nosas comunidades. Todos vemos os síntomas dese deterioro e os partidos maioritarios están a aplicar políticas que amplificarán eses problemas.

O 20N, os españois non só elixirán un parlamento, tamén decidirán en que tipo de estado van a vivir no futuro. E cando se trata de enfrontar situacións difíciles que afectan a grupos, a experiencia e o sentido común mostran que canta máis xente e sensibilidades diferentes participen na resolución dos problemas máis fácil é atopar solucións.
“A desalambrar” denuncia a desmantelación do estado de benestar que está a ocorrer nestes momentos coa escusa da crise económica. A crise que estamos a sufrir é de orixe privada pois a débeda pertence aos bancos, ás grandes empresas do sector inmobiliario e aos particulares hipotecados. E os grandes partidos, aqueles que receben o apoio maioritario, ofrecen como única saída o rescate do gran capital (nacionalización das débedas) a conta dos impostos dos traballadores e as pequenas empresas.

No 20N, a cidadanía enfróntase a un exame de conciencia. Despois de 30 anos de democracia e unha devastadora crise social e económica, chega o momento de escoller en que tipo de mundo queremos vivir. Podemos seguir na liña actual de capitalismo financeiro especulativo onde o goberno está controlado polas elites económicas ou, recuperando o espírito da creación da Unión Europea, apostar por unha política plural que represente os intereses de todos os cidadáns.
O 20N, que o voto sexa digno dos esforzos e sacrificios que as persoas realizamos a diario para sacar a diante as nosas vidas. Bendita democracia.

Anuncios